A HISTORIA DA LAMA S.D..

OS COMEZOS DO FÚTBOL NA LAMA

Os comezos do fútbol na Lama habería que situalos aló polo ano 1933 cando esperta grande interese nun grupo de mozos que o comezaban a practicar, animados en parte polos trunfos da selección española en partidos internacionais.

O lugar habitual de xogo era o que hoxe coñecemos como Praza da Pedreira, en pleno corazón da capital do municipio, aínda que cunha forma diferente da actual xa que o núcleo urbano da Lama estaba rodeado de veigas dedicadas ó millo e de numerosas hortas. Na parte sur existía unha ringleira de árbores paralela á brasonada casa de dona Soledad Contreras, e o lugar destinado ao porteiro era o espazo comprendido entre dúas desas árbores.

Aqueles disparos á portería que non ían ben dirixidos provocaban un grave risco de rotura de vidros e, polo tanto, continuadas queixas dos propietarios das vivendas e comercios ( Bar Xulio, Café Savoy, Comestibles Natividad Pérez, Panadería Barcala, etc. ) que circundabana praza. O enfado, en ocasións, era tal que se chegou ao extremo de que lles agochaban ou lles pinchaban as pelotas, ademais de facerlles repoñe-los cristais rotos. Pero coma a afección era xa forte había que seguir xogando. O fútbol estaba a arraigarse entre a xuventude da vila e había que atopar unha solución.

A raíz desta situación un grupo de mozos, nunha quente tarde de verán, co inesquecible Alcides Cal á cabeza, e de volta de bañarse no río Verdugo (Entre-ríos), e ao seu paso polo lugar de Racelo ocurreuselles pensar que aquel era un bo lugar para instalar no futuro un campo de fútbol.

A idea tivo boa acollida e moitos foron os que con gran ilusión loitaron por situar aquí en Racelo, o actual campo de xogo.

Entre os homes que participaron neste proxecto podemos citar a D. José Piñeiro, D. Germán Canda, D. Demetrio e D. Antonio Moreira, D. Joaquín Veloso, D. Atilano Penedo, D. Manuel Lois, D. Argimiro Moreira, D. Gabino Cal … . E así foi como, en varias semanas e provistos de ferramentas e útiles de labranza, se enfrontaron ao toxo e aos desniveis existentes, logrando acondiciona-lo lugar de Racelo.

Coa chegada da guerra civil paralízase toda labor de continuidade e de posta en marcha do equipo de fútbol.

En maio de 1.943, e tendo como principal promotor a D. Enrique Cal Paiva (Alicates), destacando entre os mellores xogadores a D. Manuel Pardo Moreira, é cando se inaugura o recinto deportivo cun partido fronte ao Fornelos de Montes. Daquela contribuiu o concello con D. Trino Amoedo Durán como alcalde, prestando apoio económico e acondicionando outra vez o terreo de xogo xa invadido de maleza. Neste partido inaugural non faltou de nada: nin a asistencia da banda de música municipal dirixida por D. Aquilino Raña nin o intercambio de bandeiriñas dos capitáns.

Así vaise acadando un campo permanente no que se suceden os partidos entre os pobos vecinos como Ponte Caldelas, Doade, Beariz… ata chega-los anos 60 xa que decae a afección ao non haber ninguén que dirixa o equipo e pola emigración cara Europa e América de moitos que adoitaban xogar no equipo da Lama. Esporádicamente seguiranse a celebrar partidos ata chegar definitivamente á creación dun equipo federado.

Futbolistas da Lama dos anos 40-50

CREACIÓN DA LAMA S.D.

 

Xa entrado o ano 1.979 D. Jesús Gómez Besada pensa na forma de poder sacar adiante un equipo de fútbol na Lama. Para iso expón os seus proxectos a D.Manuel Tosar Ferro, D.Norberto Cal e outros, e co apoio de varios dos seus “mecánicos - fútbolistas” deciden crear un equipo que pasarán a denominar A Lama Sociedade Deportiva . Chámanlle sociedade para apartarse do cotián que era chamarse Club, e utilizaron as cores verde e branca porque eran as do equipo de Talleres San Cristóbal, propiedade de Jesús Gomez. O escudo viña  representar, algo moi significativo e representativo do noso concello, o lema : A Lama, xanta e vaite e dous reás para o camino. Os reás aparecen no escudo xunto cun balón fusionados e integrados nun fondo de cor verde.


 

A data na que queda constituída A Lama Sociedade Deportiva foi o 18 de marzo de 1.979, figurando como presidente D. Jesús Gomez Besada, vicepresidente 1º D. Manuel Tosar Portela, vicepresidente 2º D. Bernardino Pereira Martinez, secretario D. Manuel Contreras Soto, tesoureiro D. Manuel Cal Carrera e como vocais D. Trino Pacheco Justo, D. Norberto Cal e D. Antonio Paz Barreiro.

Un dos primeiros pasos a dar foi adapta-lo terreo de xogo para a competición federada. Iso implicaba o peche do campo, crear vestiarios con auga quente, valado interior, etc.. Para afrontar esas obras e poder abaratar custos contouse con xente ao xornal  e con D. José Piñeiro de encargado, adquirindo os materiais directamente de fábrica.Todo o pobo meteuse de cheo na creación do clube. A comisión de festas de Santa Ana, o propio concello, mesmo dende a emigración fixeronse importantes donacións económicas , contribuíndo entre todos para que este proxecto saíra adiante e se consolidase co paso dos anos.


COMPETICIÓN OFICIAL

 

Confeccionado o equipo A Lama S.D. inicia a competición en setembro de 1.979, conseguindo ascender de categoría neste primeiro ano, logo dunha promoción fronte ao Pontearnelas, a partido único no campo de Marcón con gol de penalti de Tobío. Aquela histórica aliñación estaba formada por: Rascado, Salgado, Santana, Eloy, Tobío, Jorge, García, Pibe, Marcial, Felo, Victor Durán, Manel e Manuel Contreras, con Jaime míster Látigo de adestrador.

 

Equipo da Lama S.D. do 1º ascenso na temporada 79-80

 

Continuaron os éxitos no segundo ano volvendo a ascender, desta volta directamente ao quedaren no segundo posto. Destacar que nesta temporada o club contou por primeira vez cun equipo de xuvenís, mais os resultados non foron os agardados e optouse pola súa disolución.

Xa na primeira rexional, temp. 81-82, e durante tres temporadas o noso clube chega a enfrontarse moi dignamente con equipos como Estradense, Xuvenil de Ponteareas, Marín, Moaña, Vilalonga,… e foi temido en moitos campos pola afección que arrastraba  e pola calidade dalgún dos compoñentes do equipo e que fixeron historia no noso clube, Pouquiño, Aranguren, Ameijeiras, Richard, Nicolau,…. Neste período, e mais concretamente no ano 82, produciuse o relevo do presidente, pasando a ser D. Manuel Tosar Ferro o que leve a dirección do clube ata a temporada 84-85, coincidindo co descenso a segunda, e que será reemprazado por D. José Manuel Amoedo Vilán.

Tras tres anos nesa categoría e da man de Victor Durán como adestrador chegou o ascenso de novo a primeira, e con ela a derradeira época de maior éxito do noso clube, a temporada 87-88.

Foi na 88-89 , froito da débeda importante que arrastraba o clube, cando se optou por unha plantilla “mais da casa”. A conseguinte  perda de competitividade motivou o seu descenso e o seu lóxico declive pola tamén falta de apoio da súa habitual masa social.

 Tras dous anos en segunda vólvese a terceira, permanecendo e sobre todo sobrevivindo nela desde a  91-92 e  durante 15 temporadas.Nesta época van pasando outros presidentes, Carlos Riveiro, Gabino Cal, Daniel Vidal ata o actual Manuel Marcial Peso Ares. E será na 06-07 cando tras unha segunda volta magnífica, gañando tódolos partidos e remontando unha desvantaxe de sete puntos cos rivais, A Lama S.D consiga abandonar esta terceira autonómica (nova denominación das categorías rexionais), logrando manterse na segunda categoría durante sete temporadas. 

Equipo da Lama S.D. do ascenso a segunda, temporada 2006-2007

E coa implantación no 2010 da herba artificial en Racelo, o clube volveu a crear o equipo de xuvenís nese ano, durando tan só dúas temporadas.  Na temporada 2014-15, o clube está de novo na terceira autonómica tras un descenso motivado polos arrastres doutras categorias superiores. Foi un paso moi breve, un ano, pois se consegue o ascenso de categoría logo de ir durante toda a liga de primeiro e quedando campión de liga a falta de catro xornadas. Actualmente, na 16-17 A Lama S.D. compite en segunda autonómica.

 

Plantilla da temporada 14-15 que logrou o ascenso a segunda. Plantilla da temporada 14-15 que logrou o ascenso a segunda.